Comunicado de imprensa


Invasão eólica em Vigo contra a depredação energética

16/01/2023


Manifestación convocada para o domingo 22 de xaneiro en Vigo

A praia de Samil, os parques de Castrelos, Navia, A Guía e O Castro, así como varios puntos da cidade apareceron este fin de semana a primeira hora da mañá cubertos con máis de 50 figuras de aeroxeradores eólicos.

Con esta acción quere poñerse de manifesto a grave situación de depredación enerxética á que se enfrontamos en Galiza. A "invasión eólica" afecta especialmente ao rural galego, onde moitas aldeas xa están organizadas contra o espolio. Ocupando espazos de Vigo con estas figuras búscase achegar esta problemática tamén á cidade, e así xerar sensibilidade e sinerxias para denuncialo e cambiar a situación.

As aldeas e territorios rurais son os máis afectados pola problemática, pero son as cidades onde ten lugar un maior consumo enerxético, e tamén onde se debe visibilizar máis facilmente o rexeitamento do conxunto da cidadanía galega ante esta situación.

Na Galiza hai máis eólicos instalados que na metade do Estado Español e está no cuarto lugar dentro do estado en produción de enerxía renovábel. Polo contrario, as comunidades que máis consumen están á cola en produción de enerxía eléctrica. Por este camiño máis do 25% da Enerxía producida na Galiza irá cara fóra, estando o 98% desta produción en mans privadas.

En 2019 había 180 parques funcionando. O obxectivo para o decenio 2020-2030 é o de asentar máis do dobre da potencia instalada até de agora. Ademais, os novos parques proxectados son de dimensións moito maiores do que os existentes até agora, o que agrava todos os impactos. Por exemplo, na Groba proxectáronse muíños con pas de 81,5 m de lonxitude, cun mastro de 148 m e que dan unha altura total de 229,5 m. Estamos falando de case o dobre de altura dos piares da ponte de Rande, ou tres veces a catedral de Compostela.

A Xunta permite o incumprimento da Lei, aceptando proxectos de parques eólicos fraccionados de xeito fraudulento. O Tribunal Supremo fixo firme unha sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia onde recolle a existencia de numerosos exemplos de fragmentación fraudulenta de proxectos de enerxía eólica na Galiza. A Xunta autoriza parques eólicos que a xustiza declara ilegais.

O impacto deste despregamento de proxectos será enorme en moitos aspectos. No económico, veranse afectadas o 11,5% das terras de cultivo e moita superficie forestal. O 19,2% de superficie dos Montes Veciñais en Man Común ficarían dentro de polígonos industriais. Tamén os parques mariños afectarían á actividade pesqueira. Todo isto sumado aos impactos na paisaxe, na Rede Natura (as Áreas de Desenvolvemento Eólico ocupan 107.000 Ha da Rede Natura), sobre o solo, a fauna, o patrimonio cultural ou a vida da poboación próxima, xa que nalgúns casos quedarían a escasos 500m das casas, escolas ou espazos públicos.

Somos conscientes da emerxencia climática e da urxencia de cambios que require. Entre eles, a implantación de enerxías renovables para cubrir toda a demanda enerxética. Aínda así, non podemos permitir que cambien as fontes enerxéticas pero non as lóxicas extractivistas que se agochan tras elas. Non queremos seguir dependendo do oligopolio nin de empresas transnacionais que buscan so o seu lucro económico. Precisamos un modelo enerxético baseado na eficiencia e produción do necesario, democrático e coa participación e control por parte da cidadanía.

O domingo 22 de xaneiro está convocada unha manifestación contra a depredación enerxética en Vigo, na que tamén queremos animar a participar. A marcha, convocada pola plataforma "Veu polo aire" terá lugar ás 12h no cruce de vía Norte.

Comunicado (PDF)
... ...

Não comemos bolachasEste site não usa nem guarda "cookies".

Não comemos bolachas
Este site não usa nem guarda "cookies".